Xornadas Vas Dado

As Xornadas Vas Dado foron as xornadas de rol online en galego que tiveron lugar a fin de semana do 6 e 7 de febreiro de 2021! Con elas encetamos o primeiro servidor de rol 100% en galego, que foi onde tiveron lugar.

A continuación tes as partidas que se xogaron nas Xornadas Vas Dado. Lembra que podes ver as nosas próximas actividades no calendario.

SÁBADO 6


O Príncipe Dragón: Os elfos das estacións

Unha partida de Ryuutama dirixida por Paladín a la taza

CANDO: sábado 6, ás 10:30, 2 h (aprox.), sesión única
PRAZAS: 5, xogarase a partir de 3
SEGURIDADE: cartón X
AVISOS: violencia contra animais, violencia non gore

Un grupo de humanos que parece especialista en cazar criaturas máxicas e roubar partes destas causou o caos nas vosas terras. Non sodes capaces de atrapalos, sen embargo, a súa pista leva ata o fogar dunha xoven dragona. Poderedes convencer á dragona do perigo e adiantarvos aos humanos? Ou sería mellor tratar de emboscalos antes de que cheguen á súa guarida? Ambas opcións son complicadas, mais decidide rápido, o tempo corre na vosa contra.
Usaranse personaxes prexenerados dunha tribu nova dentro do universo de O Principe Dragón.

  • Cámara: Non se usará a cámara (só audio).
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin emitirá.
  • Ferramentas adicionais: ningunha.
  • Apta para xente que non coñeza o xogo.

Tren silandeiro

Unha partida de Lasers & Treason dirixida por Xogón

CANDO: sábado 6, ás 17.00, 4 h, sesión única
XOGANTES: 6, xogarase a partir de 4
SEGURIDADE: cartón x
AVISOS: violencia contra as personaxes, posible aparición de conflitos entre personaxes

Como solucionadores de problemas, sodes membros da forza de élite máis prescindible do Complexo Alfa. Teredes unha misión rutinaria asignada polo Ordenador Amigo na que non debería saír nada mal grazas a voso ben saber… ou se cadra sairá mal precisamente por iso! Non só teredes que facer todo o que omnisciente Ordenador Amigo vos pida, tamén teredes que compaxinalo coas peticións das vosas ████████ secretas, empregando os ██████ ███████ e ████████.
Imaxinade unha mestura de Kafka, Orwell e os irmáns Marx. O coñecemento das regras é traizón, polo que non hai que saber nada antes da partida.

  • Cámara: opcional.
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin se emitirá. (Posible resumo anónimo nun blogue.)
  • Ferramentas adicionais: ningunha.
  • Apta para quen non coñeza o sistema.

O Atraco

Unha partida de Ecos Disonantes dirixida por Penta

CANDO: sábado 6, ás 17:00, 3 h (máis se a sesión cero se alonga moito ou se a mesa o desexa), sesión única
XOGANTES: 4, xogarase a partir de 3
SEGURIDADE: velos e vetos
AVISOS: — (Deben existir disonancias, mais é a mesa quen as xenera, así que serán os velos e vetos quenes as limiten.)

A partida precisa sesión cero para construir entre todas tanto as personaxes como as escenas da mesma. Narrativa compartida, o mestre de cerimonias non leva o peso narrativa, toda a mesa xoga para saber que sucede.

  • Cámara: é preciso ter cámara.
  • Grabación/emisión: Non se emitirá en directo, pero se grabará.
  • Ferramentas adicionais: a web Dadiños! para as tiradas de dados.

Unha pérdida de tempo

Unha partida de Cultos Innombrables dirixida por Fian

CANDO: sábado 6, ás 21:15, 2’5-3 h (aprox.), sesión única
XOGANTES: 5, xogarase a partir de 3
SEGURIDADE: cartón X
AVISOS: mitos de Cthulhu, actos ilegais, traizón

Providence, actualidade. Mete-lo nariz no oculto sen coñecemento de causa nin protección é igual a coller algo bonito do chan: poderías agarrar algo malo. É algo que os nosos cultistas vivirán cando sexan contratados para conseguir o espello dunha vidente.

  • Cámara: opcional.
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin emitirá.
  • Ferramentas adicionais: O taboleiro virtual Roll20.
  • Apta para xente que non coñeza o xogo (e para xente veterana!).

DOMINGO 7


Star Wars: Tango Squad

Unha partida de Fate Acelerado dirixida por Xurxo

CANDO: domingo 7, ás 10:00, 3-4 h (aprox.), sesión única
XOGANTES: 4, xogarase a partir de 3
SEGURIDADE: cartón x
AVISOS: contidos esperabeis dun filme de Star Wars

A Resistancia da Xenerala Leia recibiu información de que un importante intercambio de datos altamente confidenciais vai acontecer no exclusivo casino da Primeira Orde en Canto Bight. Cómpre obtelos, custe o que custar! O escuadrón Tango xa estades de camiño: infiltrádevos, roubade eses datos e escapade. A galaxia conta convosco.

  • Cámara: opcional.
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin emitirá.
  • Ferramentas adicionais: Usarase o taboleiro virtual FoundryVTT.
  • Apta para xente que non coñeza o sistema.

Susurros do Bosque Perdido

Unha partida de D&D 5e dirixida por Xür Vermilion

CANDO: domingo 7, pola tarde (hora de inicio por consensuar), 3-4 h (aprox.), 1ª sesión de 2-3
XOGANTES: 5, xogarase a partir de 4
SEGURIDADE: cartón X, mando a distancia, charla previa
AVISOS: — (Falarase ao comezo para buscar un consenso sobre os contidos a evitar.)

A partida (1ª sesión de 2-3) está ambientada no mundo The Legend of Zelda: Ocarine of Time, na liña temporal do Link neno. Os protagonistas reciben un encargo consistente en rescatar un rapaz do Bosque Perdido, un lugar marcado polos misterios que o rodean e as marabillas olvidadas dende épocas remotas.
A atmósfera que se buscará será de misterio e o tono nin moi cruel/violento nin o contrario.
É preciso un certo coñecemento do universo do Ocarine of Time. Buscarase que os PX sexan coherentes e esperables no mundo do xogo. Usarase un certo suplemento homebrew para usar as razas do Zelda. Razas que no estén no suplemento son posibles, pero requerirán visto bo do máster. [Consello para xente interesada: o mellor é pensar na personaxe en termos de concepto e o máster axudará a atoparlle acomodo dentro de D&D 5e e do mundo do xogo.]

  • Cámara: non (só audio).
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin emitirá.
  • Ferramentas adicionais: O taboleiro virtual Roll20 e a web para compartir música Watch2gether.

Tamborís en Bethlehem

Unha partida de Dungeon World dirixida por Xerbud

CANDO: domingo 7, 17.00, 3-4 h, sesión única
XOGANTES: 4, xogarase a partir de 3
SEGURIDADE: cartón x + velos e vetos
AVISOS: uso burlón/libre do imaxinario cristián, violencia letal e non gore

O bo rei Herodes teme polo seu país: os Reis-Magos, tres temibles feiticeiros de Oriente, están no reino en busca dun certo “Rei Vindeiro” que lles foi anunciado pola nova estrela. Pero esta “nova estrela” non é outra cousa que o ominoso cometa que se pode ver no ceo dende fai semanas e que os sabios e sabias do rei consideran presaxio de calamidades. Peor aínda, pois o sumo sacerdote do Templo pensa que todo isto pode ter que ver con certas profecías que falan da chegada dun novo deus e do comezo dunha terrible era. Por desgraza, o bravo Herodes xa non pode blandir o seu aceiro como antano. Poderedes vós, as mellores mentes e espadas do reino, atopar a este “rei-deus” e detelo antes de que sexa tarde? O destino do mundo está nas vosas mans!

Únete a esta aventura que mistura o xénero de espada-e-maxia cunha das máis coñecidas lendas do planeta! Ademais, en Dungeon World atoparás un forte peso do narrado fronte ao numérico (incluso nos combates!), mecánicas sólidas, un estilo de xogo no que o máster non coñece a trama (sorry not sorry), un mundo a crear conxuntantemente, moita acción e emoción. Unha vez elixido o tipo de personaxe (antes da sesión), comprender o xogo e rematar a ficha (ao inicio da sesión) non levará nada.

  • Cámara: opcional.
  • Grabación/emisión: Non se grabará nin emitirá.
  • Ferramentas adicionais: ningunha.
  • Apta para quen non coñeza o sistema.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario